MANIFESTO - DOCUMENTOS PLURAIS

O artigo 3 da Constitución española dispón que o castelán é a lingua española oficial do Estado, establece que as outras linguas españolas serán oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos de autonomía e anuncia que a diversidade lingüística de España será obxecto de especial respecto e protección.

A pesar deste mandado constitucional de respecto e protección do carácter plurilingüe do Estado, as linguas españolas diferentes do castelán, que se falan nun territorio onde vive máis do 40 por cento da poboación española, estiveron ausentes durante máis de 20 anos dun conxunto de ámbitos de grande importancia simbólica e práctica, entre os que se encontra a documentación persoal dos cidadáns (o documento nacional de identidade, o pasaporte e o permiso de conducir) e a documentación dos residentes estranxeiros, que nunha época de inmigración crecente como a actual adquiriu unha relevancia que polo de agora no tivera.

Esta práctica española contrasta coa doutras democracias plurilingües de Europa e do mundo, que trasladan aos seus documentos a súa diversidade lingüística interna e deste xeito permiten non só que os cidadáns de linguas diferentes se recoñezan nos seus documentos senón tamén que todos os cidadáns, independentemente da súa lingua habitual, así como os residentes estranxeiros, teñan a oportunidade de ver reflectido na súa propia documentación o pluralismo lingüístico da súa sociedade e o asuman como propio.

Así, Bélxica incorpora na súa carta de identidade e o pasaporte o francés e o neerlandés, pero tamén o alemán, que só fala o 1 por cento da poboación; Finlandia utiliza o finés e o sueco en todos os documentos; Canadá fai o mesmo co inglés e o francés; e os documentos persoais en Suíza conteñen as catro linguas oficiais (o francés, o alemán, o italiano e o romanche, que como o alemán en Bélxica só fala o 1 por cento da poboación). Nestes catro casos, o plurilingüismo está presente en todos os documentos, incluíndo o pasaporte, sen necesidade de petición previa do interesado e independentemente do lugar onde se expidan.

Como cidadáns españois que falamos linguas diferentes do castelán querémonos recoñecer nos nosos documentos persoais, e tamén queremos que o conxunto da sociedade española coñeza e faga seu o carácter plurilingüe do Estado que todos compartimos.

Por isto, aproveitando a celebración do Ano Europeo das Linguas, convocado pola Unión Europea e o Consello de Europa para promover a conciencia da riqueza da diversidade lingüística dentro da Unión Europea e para fomentar o multilingüismo, queremos chamar aos nosos gobernantes a tomar todas as medidas necesarias para que no prazo máis breve posible os documentos persoais españois adopten un réxime lingüístico semellante ao que aplican as outras democracias plurilingües do mundo, que permita unha concreción efectiva do mandado constitucional de respecto e protección da diversidade lingüística española.

 

© Manuel Bermúdez Blanco.