Inicio
Posibilidades técnicas 
Enlaces
Cómo colaborar
Agradecementos
21.03.2001
Selos plurais 
  
O 1 de xaneiro de 1850 emitíase o primeiro selo postal moderno español. Desde entón, España emitiu un total de 3.612 selos, dos cales 19 levaron algún texto en catalán (un 0,52 por cento), sete levaron algún texto en galego (un 0,19 por cento) e só catro levaron algún texto en éuscaro (un 0,11 por cento). Por outra banda, España non emitiu neste período nin un só selo nas outras linguas faladas no seu territorio (aragonés, asturiano e occitano do Val de Arán). No seu conxunto os 30 selos emitidos en linguas diferentes do castelán non representan máis que o 0,83 por cento de todos os selos emitidos en 149 anos.

Esta traxectoria española contrasta coa dun bo número de estados plurilingües do mundo que foron reflectindo nos seus selos a súa diversidade lingüística interna e dese xeito fórona promovendo dentro e fóra das súas fronteiras co desexo de facela universal. En Europa son ben coñecidos os casos de Bélxica (que emite con regularidade selos en francés, neerlandés e alemán), Finlandia (que os emite en finés e sueco), Irlanda (que os emite en gaélico e en inglés) e Suíza (que os emite en alemán, en francés, en italiano e en romanche).

A Constitución Española de 1978 permitiu a oficialización do catalán, o galego e o éuscaro nos seus territorios históricos e impúxolle ao estado o mandado de respectar e protexer a súa diversidade lingüística interna. Certo é que 17 dos 19 selos con textos en catalán e todos os selos con textos en galego e éuscaro son posteriores á aprobación da Constitución, mais entendemos que estas cifras non permiten falar dunha promoción significativa por parte do Estado das linguas diversas da súa cidadanía.

Como falantes de linguas diferentes do castelán que nos queremos recoñecer nos símbolos do Estado, queremos formular publicamente a petición de que as nosas linguas sexan incorporadas aos selos españois dun xeito que faga xustiza ao seu peso demográfico, histórico e cultural, e que ao mesmo tempo permita darlle un cumprimento que non sexa meramente testemuñal ao mandado constitucional de respecto e protección da diversidade lingüística española. En vésperas do 150º aniversario do primeiro selo moderno español, queremos instar aos nosos gobernantes a tomar todas as medidas necesarias para que o 1 de xaneiro do ano 2000, a máis tardar, se cumpra unha viraxe á pluralidade na ata agora uniforme historia filatélica española.

21.03.2001